Mostrando entradas con la etiqueta Lecturas compartidas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lecturas compartidas. Mostrar todas las entradas

Visita lectora á EEI A Galiña Azul

O alumnado de 4º de Primaria viviu unha xornada moi especial coa súa visita á Escola de Educación Infantil A Galiña Azul de Vilaxoán.

Os nenos e nenas prepararon con moitísimo agarimo e ilusión diferentes lecturas para compartir cos máis pequenos, converténdose por un día en grandes contadores de historias.

Foi unha experiencia moi bonita e enriquecedora, que deu lugar á creación dun espazo de encontro e convivencia.

Sen dúbida, foi unha actividade emotiva, divertida e moi motivadora para todos e todas, que nos lembra a importancia de crear redes e compartir experiencias.

Grazas a todas as persoas que fixeron posible esta xornada tan chula e especial!

Agardamos volver!

Pechamos abril con moita cor e un bico moi especial

O alumnado de 1º de Primaria puxo o broche de ouro ás celebracións do Mes do Libro coa súa fermosa representación De que cor é un bico?

Despois de conquistar o auditorio nunha primeira actuación, os nosos pequenos e pequenas artistas non quixeron perder a oportunidade de compartir co resto do cole esta obra que prepararon con tanto agarimo. E menos mal que o fixeron porque foi todo un éxito! 

A representación, ademais, estivo acompañada de linguaxe de signos, facendo desta experiencia unha actividade inclusiva e fermosa.

Como sempre, o alumnado fixoo xenial e demostrou sobre o escenario unhas habilidades artísticas que deixaron abraiados aos seus compañeiros e compañeiras, quen gozaron dun espectáculo cheo de cor.

E por se fora pouco, esa mesma tarde ofreceron unha función moi especial para as súas familias, que puideron desfrutar con orgullo e emoción do magnífico traballo realizado.

Parabéns, artistas! Estamos desexando ver con que nos sorprendedes na próxima función! 

Ler para todas e todos: celebramos o Día do Libro con inclusión e emoción

Con motivo da conmemoración do Día do Libro, tivemos a sorte de participar nunha fermosa iniciativa promovida polo Centro de Educación Especial (CEE) da nosa zona, que nos convidou a compartir lecturas empregando diferentes formas de comunicación.

Nesta ocasión, o alumnado de 1º de Primaria preparou con moitísima ilusión e cariño unha lectura teatralizada, acompañada de linguaxe signada, demostrando todo o seu esforzo, implicación e entusiasmo. A obra escollida foi De que cor é un bico? de Rocío Bonilla.

O resultado foi simplemente xenial: unha actividade moi vistosa, emocionante e chea de sensibilidade, na que o noso alumnado puxo todo o empeño para facer chegar a lectura a todas as persoas.

Este tipo de experiencias lembran a importancia da lectura e da diversidade nos seus múltiples xeitos de expresión, favorecendo que todas as persoas poidan acceder ás historias e á cultura independentemente das súas características.

Parabéns ao alumnado de primeiro polo ben que o fixeron e por agasallarnos cunha actividade tan especial!

Contos que nos unen 📚

Hai momentos no cole que fan do día algo realmente especial, e un deles ten lugar na Hora de Ler. 📚

Nese tempo dedicado aos libros, ás historias e á imaxinación, o alumnado de Primaria convértese en auténticos contacontos para compartir lecturas cos máis pequechiños.

Con moito agarimo e ilusión, preparan os seus contos, practican a entoación e seleccionan coidadosamente o libro que van compartir, poñendo todo o seu entusiasmo para que cada historia cobre vida. E vaia se o conseguen! 

Os máis cativos e cativas escoitan, atentamente, cada palabra. Para eles, estes momentos son pura maxia: historias que os fan rir, sorprenderse e viaxar coa imaxinación mentres os seus compañeiros maiores llas contan.

Pero se algo destaca nesta actividade é a ilusión que poñen os nosos lectores e lectoras. Fano tan ben, con tanta dedicación e tanta tenrura, que cada sesión se converte nun encontro cheo de complicidade, aprendizaxe e cariño. 

Porque ler é moito máis que pasar páxinas. É compartir, emocionar, crear vínculos… e tamén aprender a coidar dos demais a través das palabras.

Parabéns ao alumnado de Primaria polo fantástico traballo que fan como contacontos, e grazas aos máis pequenos e pequenas por escoitar con tanta atención e entusiasmo.

Seguiremos enchendo a Hora de Ler de historias, sorrisos e momentos inesquecibles! 📖

LECTURAS COMPARTIDAS

Para rematar este Samaín, os nenos e nenas de 6º de Infantil, foron á biblio a desfrutar dun contacontos en streaming contado polos nenos e nenas de 5º de primaria do CEIPP Santa María de As Pontes. Mirade que ben o pasamos co conto "A Bruxa Regañadentes".



E despois, os nenos e nenas de infantil do cole de As Pontes desfrutaron co contacontos de sombras das nenas de 6ºA da Escardia sobre o conto "A todos los monstruos les da miedo la oscuridad".






LECTURAS COMPARTIDAS

Bos días, berberech@s!

Hoxe quero presentarvos a unha amiga: Lili, que é a mascota da biblio do CEIP Santa María, un cole de As Pontes, situado na provincia da Coruña. Lili propúxome unha actividade moi chula, facer unhas lecturas compartidas de Samaín.

Déixovos aquía a invitación.


Esperamos que vos guste!