Mostrando entradas con la etiqueta hora de ler. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta hora de ler. Mostrar todas las entradas

📖 Arrinca o Club de lectura! 📖

Comeza unha nova aventura na biblioteca! 

O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria participante no Club de lectura prepárase para vivir un curso cheo de historias, misterios e moitas aventuras. E para comezar por todo o alto, mergullarémonos nunha viaxe extraordinaria da man de Julio Verne e a súa obra Viaje al centro de la Tierra. 🌍

Que nos agardará nas profundidades do noso planeta? Atoparemos criaturas sorprendentes, lugares misteriosos ou segredos agochados?...Só hai unha maneira de descubrilo: abrir o libro e deixar voar a imaxinación!

Estades preparad@s, exploradores e exploradoras? Porque comeza unha aventura lectora máis alá das páxinas!

Primeira xuntanza do apadriñamento e amadriñamento lector 📖

Hoxe tivemos a primeira xuntanza do apadriñamento/amadriñamento lector, un momento moi especial para comezar a crear vínculos entre padriños e madriñas e os seus afillados e afilladas de lectura.

Para romper o xeo e favorecer un primeiro achegamento entre os nenos e nenas, compartimos unha actividade creativa na que puidemos traballar xuntos e xuntas: elaboramos marcapáxinas, creamos pequenos recordos, coloreamos debuxos...

A finalidade, que os máis cativos e cativas se sentisen cómodos e cómodas, que comezasen a coñecer aos seus padriños e madriñas e que se establecesen os primeiros lazos de confianza e complicidade.

Este é só o comezo dunha aventura lectora, na que maiores e pequenos terán a oportunidade de aprender, acompañarse e gozar xuntos do pracer de ler.

🎃 LECTURAS PARA ESTE SAMAÍN 🎃

Achégase o Samaín e, con el, as ganas de ler historias que nos poñan os pelos de punta! 👻

Aquí atoparedes unha selección de lecturas terroríficas, misteriosas e divertidas para gozar destes días entre pantasmas, monstros, meigas e aventuras.

Apaga as luces e... atrévete a abrir o primeiro libro! 📖

🎬 Un curso de película!

 Luces, cámara… comezamos! 🎥✨

Arrancamos o curso escolar por todo o alto cun novo proxecto que promete moitas emocións, aventuras e, sobre todo, moitas estrelas. 🌟

Este curso mergullámonos no fascinante mundo do cine co proxxecto de centro Un curso de película. Así, descubriremos que hai detrás das cámaras, coñeceremos os segredos dunha rodaxe, xogaremos cos diferentes papeis que fan posible unha película e… quen sabe? Quizais algún día nos toque dicir aquilo de “Luces, cámara… acción!”

E para ir entrando en materia, no cole xa temos preparado un recuncho de lectura moi cinematográfico, cheo de libros e recursos para investigar, descubrir máis sobre o mundo do cine e achegarnos tamén a algunhas das películas.

O escenario xa está preparado, as cámaras están a punto e as ganas… a tope! 

3, 2, 1… acción!

Contos que nos unen 📚

Hai momentos no cole que fan do día algo realmente especial, e un deles ten lugar na Hora de Ler. 📚

Nese tempo dedicado aos libros, ás historias e á imaxinación, o alumnado de Primaria convértese en auténticos contacontos para compartir lecturas cos máis pequechiños.

Con moito agarimo e ilusión, preparan os seus contos, practican a entoación e seleccionan coidadosamente o libro que van compartir, poñendo todo o seu entusiasmo para que cada historia cobre vida. E vaia se o conseguen! 

Os máis cativos e cativas escoitan, atentamente, cada palabra. Para eles, estes momentos son pura maxia: historias que os fan rir, sorprenderse e viaxar coa imaxinación mentres os seus compañeiros maiores llas contan.

Pero se algo destaca nesta actividade é a ilusión que poñen os nosos lectores e lectoras. Fano tan ben, con tanta dedicación e tanta tenrura, que cada sesión se converte nun encontro cheo de complicidade, aprendizaxe e cariño. 

Porque ler é moito máis que pasar páxinas. É compartir, emocionar, crear vínculos… e tamén aprender a coidar dos demais a través das palabras.

Parabéns ao alumnado de Primaria polo fantástico traballo que fan como contacontos, e grazas aos máis pequenos e pequenas por escoitar con tanta atención e entusiasmo.

Seguiremos enchendo a Hora de Ler de historias, sorrisos e momentos inesquecibles! 📖

🌹 23F. Celebramos o Día de Rosalía!🌹

Cada 23 de febreiro celebramos con orgullo o Día de Rosalía de Castro, unha das voces máis importantes da nosa literatura e símbolo da nosa lingua e identidade. Pero no cole non nos conformamos cun só día!

Ao longo de toda esta semana, e mesmo durante todo o mes de febrero, mergullámonos no seu universo poético: coñecemos os seus poemas, sentimos as súas palabras e descubrimos como a poesía pode emocionar, facer pensar… e tamén divertir!

🌼 “Polo Día de Rosalía que agrome a poesía” 🌼

Este foi o nome da actividade estrela da semana. E non puido ser máis fermosa!

O alumnado converteuse en xardineiro da palabra e puxo mans á obra para crear unha plantación moi especial. Cada nena e neno o aula elaborou unha flor única, diferente e chea de personalidade. Nas súas follas escribiron poemas de Rosalía ou inventados por eles e elas, deixando voar a súa imaxinación.

O resultado? Unha auténtica explosión de creatividade! Un xardín onde reinan as cores vivas e alegres, a imaxinación sen límites, as distintas técnicas plásticas e, por riba de todo, o amor pola poesía.

Cada flor é diferente, como cada poeta. Cada pétalo agocha palabras que emocionan. Cada talo sostén ilusión e esforzo.

Ademais, durante todo o mes de febreiro contamos tamén cun recuncho de lectura dedicado a Rosalía e á poesía. Un espazo preparado para convidar á calma, á lectura compartida e ao descubrimento de novos versos.


Libros de poesía, seleccións adaptadas ao alumnado, recomendacións lectoras… Todo disposto para que quen quixese puidese achegarse, sentar e deixar que a palabra poética fixese o resto.

E non só iso! Lembramos que o desafío de lectura mensual do “Reto lector” do mes de febrero encheu o noso centro de ritmo, musicalidade e emoción. Porque a poesía non só se le… tamén se escoita, se sente e se comparte.   

Ao longo destas semanas tamén levamos a cabo unha fermosa experiencia de apadriñamento/amadriñamento lector entre maiores e cativos/as.

Nesta ocasión, a temática non podía ser outra: a poesía.

Os maiores convertéronse en guías e modelos lectores, compartindo versos, explicando significados e acompañando aos máis pequenos na descuberta do ritmo e da musicalidade das palabras.

Foron momentos de complicidade, aprendizaxe compartida e moita emoción.

Celebrar o Día de Rosalía é celebrar a nosa lingua, a nosa cultura e a forza das palabras. Pero, sobre todo, é lembrar que a poesía pode agromar en calquera lugar… se a coidamos. E no noso cole, este ano, a poesía floreceu con máis forza ca nunca. 🌷✨

Arrinca unha nova aventura no Club de lectura! 📚✨

No Club de lectura estamos de estrea… e que estrea! Xa comezamos a traballar a nosa segunda obra: Amanda Black. Una herencia peligrosa. 
 
Desde as primeiras páxinas, a historia atrapounos cun ambiente cheo de misterio, segredos que piden ser descubertos e unha protagonista que promete darnos máis dun sobresalto. 
 
Todo apunta a que esta lectura vai ser desas que enganchan sen remedio, das que che fan pensar, teorizar e desexar que chegue xa a seguinte sesión para comentar que pasou. 
 
As nosas lectoras e lectores xa comezaron a lanzar hipóteses, a facerse pregunta e a deixar claro que esta aventura vai manternos expectantes e con ganas de máis. 
 
Seguiremos lendo, investigando e gozando desta historia tan intrigante. Isto non fixo máis que comezar!

🔦📖 Libros que brillan na escuridade 📖🔦

Hoxe vivimos unha experiencia moi especial: a lectura de libros de luz negra. Apagamos as luces, collemos as lanternas… e comezou a maxia! O alumnado iluminaba o texto, as ilustracións e os detalles agochados nas páxinas, descubrindo que os libros tamén poden sorprendernos doutras maneiras.

As lanternas convertéronse nas nosas mellores aliadas para ler, buscar palabras, observar imaxes e deixarnos levar polas historias. A lectura transformouse nun xogo, nun momento cheo de curiosidade, risas e emocións, no que todos e todas participaron con moitas ganas.

Este tipo de actividades axúdannos a lembrar algo moi importante: ler é fundamental. A lectura abre portas á imaxinación, mellora a comprensión, amplía o vocabulario e axúdanos a aprender mentres desfrutamos. Se ademais a facemos dun xeito lúdico e diferente, a motivación medra aínda máis.

Sen dúbida, foi unha experiencia iluminadora en todos os sentidos!

Última xuntanza lectora do ano

Hoxe celebramos a última xuntanza do amadriñamento/apadriñamento lector, que ademais foi a derradeira do ano. 

Os afillados e afilladas reuníronse cos seus padriños e madriñas para compartir algo moi especial: a lectura dun libro xuntos. Foi un momento cheo de historias e risas. 

Ler acompañados axúdanos a entender mellor os contos, a perder o medo a ler en voz alta e a descubrir que os libros poden ser grandes amigos. 

Ademais, compartir a lectura fai que nos sintamos máis unidos e que aprender sexa máis divertido.

Grazas a todos e todas por formar parte desta aventura lectora.
Vémonos o ano que vén, no 2026, para seguir lendo xuntos!



APADRIÑAMENTOS LECTORES

 Chega o bo tempo e con el, as ganas de ler na natureza. Un momento de desfrutar da lectura entre padriños, madriñas e afillados/as.










HORA DE LER

 Cada vez estamos un pouquiño máis preto de rematar este curso e hoxe, queremos ensinarvos unha recompilación de actividades que os nenos e nenas do noso cole fixeron ao longo do curso durante as horas de lectura:

Valoración e reseñas dos contos propostos en 1º de primaria:


Obradoiro de contos con luz negra:




Creamos lectómetros na aula:


E convidamos familias para contar contos:



CLUB DE LECTURA

 Bos días, Berberechos e Berberechas!

Este ano, traemos como novidade a creación dun club de lectura para 5º e 6º de primaria.

O club reunirase os xoves na biblioteca, durante a hora de ler. Preparádevos para comezar esta nova aventura co libro: A AVOA GÁNSTER.

Adiante coas lecturas!



A BIBLIOTECA DE 2º

 Os nenos e nenas de segundo comezamos o noso itinerario lector, co conto: "El perro que buscaba estrellas".


Ademais, estivemos ordeando a nosa biblioteca e clasificando os libros de literatura e informativos, traballando así un pouquiño a CDU.


TOP TEN MELLORES LECTORES/AS

Este curso, cheo de lecturas xa está chegando ao seu fin. Por iso, traemos hoxe o TOP TEN de mellores lectores e lectoras deste ano. Temos aquí as 10 nenas e nenos que máis libros leron da biblioteca. Noraboa lectores/as!



MALETA VIAXEIRA

 As lecturas sobre rodas seguen viaxando de clase en clase, levando os contos de seguridade vial a todo o alumnado. Así desfrutamos as lecturas na hora de ler: Construindo cidades, investigando sobre as diferentes sinais, e moito máis...