🌹 23F. Celebramos o Día de Rosalía!🌹

Cada 23 de febreiro celebramos con orgullo o Día de Rosalía de Castro, unha das voces máis importantes da nosa literatura e símbolo da nosa lingua e identidade. Pero no cole non nos conformamos cun só día!

Ao longo de toda esta semana, e mesmo durante todo o mes de febrero, mergullámonos no seu universo poético: coñecemos os seus poemas, sentimos as súas palabras e descubrimos como a poesía pode emocionar, facer pensar… e tamén divertir!

🌼 “Polo Día de Rosalía que agrome a poesía” 🌼

Este foi o nome da actividade estrela da semana. E non puido ser máis fermosa!

O alumnado converteuse en xardineiro da palabra e puxo mans á obra para crear unha plantación moi especial. Cada nena e neno o aula elaborou unha flor única, diferente e chea de personalidade. Nas súas follas escribiron poemas de Rosalía ou inventados por eles e elas, deixando voar a súa imaxinación.

O resultado? Unha auténtica explosión de creatividade! Un xardín onde reinan as cores vivas e alegres, a imaxinación sen límites, as distintas técnicas plásticas e, por riba de todo, o amor pola poesía.

Cada flor é diferente, como cada poeta. Cada pétalo agocha palabras que emocionan. Cada talo sostén ilusión e esforzo.

Ademais, durante todo o mes de febreiro contamos tamén cun recuncho de lectura dedicado a Rosalía e á poesía. Un espazo preparado para convidar á calma, á lectura compartida e ao descubrimento de novos versos.


Libros de poesía, seleccións adaptadas ao alumnado, recomendacións lectoras… Todo disposto para que quen quixese puidese achegarse, sentar e deixar que a palabra poética fixese o resto.

E non só iso! Lembramos que o desafío de lectura mensual do “Reto lector” do mes de febrero encheu o noso centro de ritmo, musicalidade e emoción. Porque a poesía non só se le… tamén se escoita, se sente e se comparte.   

Ao longo destas semanas tamén levamos a cabo unha fermosa experiencia de apadriñamento/amadriñamento lector entre maiores e cativos/as.

Nesta ocasión, a temática non podía ser outra: a poesía.

Os maiores convertéronse en guías e modelos lectores, compartindo versos, explicando significados e acompañando aos máis pequenos na descuberta do ritmo e da musicalidade das palabras.

Foron momentos de complicidade, aprendizaxe compartida e moita emoción.

Celebrar o Día de Rosalía é celebrar a nosa lingua, a nosa cultura e a forza das palabras. Pero, sobre todo, é lembrar que a poesía pode agromar en calquera lugar… se a coidamos. E no noso cole, este ano, a poesía floreceu con máis forza ca nunca. 🌷✨

No hay comentarios:

Publicar un comentario