Bo día, berberech@s!
Comezamos un novo "Reto lector" con desafíos mensuais.
Luces, cámara… comezamos! 🎥✨
Arrancamos o curso escolar por todo o alto cun novo proxecto que promete moitas emocións, aventuras e, sobre todo, moitas estrelas. 🌟
Este curso mergullámonos no fascinante mundo do cine co proxxecto de centro Un curso de película. Así, descubriremos que hai detrás das cámaras, coñeceremos os segredos dunha rodaxe, xogaremos cos diferentes papeis que fan posible unha película e… quen sabe? Quizais algún día nos toque dicir aquilo de “Luces, cámara… acción!”
E para ir entrando en materia, no cole xa temos preparado un recuncho de lectura moi cinematográfico, cheo de libros e recursos para investigar, descubrir máis sobre o mundo do cine e achegarnos tamén a algunhas das películas.
O escenario xa está preparado, as cámaras están a punto e as ganas… a tope!
3, 2, 1… acción!
Chegou o derradeiro día de curso e, como non podía ser doutro xeito,
quixemos celebralo por todo o alto. E vaia se o fixemos!
A xornada comezou cunha serie de xogos celtas nos que o alumnado participou
de xeito apadriñado. Madriñas, padriños, afilladas e afillados compartiron
risas, carreiras, estratexias imposibles e algunha que outra negociación digna
dos mellores tratados internacionais.
Despois de tanto movemento chegou o momento de poñer a proba o oído musical
co noso xa famoso “Galibingo”. Por equipos, o alumnado tiña que
identificar cancións en galego para completar os seus cartóns. Houbo momentos
de auténtica tensión, xogadores que aseguraban coñecer a canción desde os dous
primeiros acordes e outros que cantaban con tanta emoción que xa non sabiamos
se estaban xogando ao bingo ou preparando unha actuación para o próximo
festival. O que si podemos confirmar é que, nalgún recuncho do patio,
escoitouse algún sonoro e triunfal: "BINGO!".
Como toda gran celebración merece unha boa merenda, xuntámonos no patio
para repoñer forzas. O menú non defraudou: un delicioso boliño preñado.
E chegou entón o momento máis especial da xornada: a graduación do alumnado
de 6º de Primaria. Os maiores, que durante tantos anos encheron os corredores
de aprendizaxes, aventuras e anécdotas, prepararon unhas actuacións fantásticas
que nos fixeron rir e emocionarnos.
Queremos desexarlles toda a sorte do mundo na nova etapa. Estamos segur@s
de que seguirán brillando alá onde vaian.
Rematamos así un día inesquecible: con xogos, música, comida, risas,
emocións e algunha bágoa discreta.
Un peche perfecto para un curso cheo de momentos especiais.
Bo verán, berberech@s!
Despedimos outro curso xunto aos nosos axudantes de biblioteca e a todos os berberechos e berberechas que conseguiron completar o reto lector deste curso.
Como recoñecemento ao seu traballo, esforzo e compromiso coa lectura, os axudantes elaboraron estas fantásticas bolsas e o equipo da biblioteca deseñou e creou, coa cortadora láser, estes chulísimos lapis e marcapáxinas personalizados da nosa biblioteca.
Alumnado que superou o Reto lector:
Hai linguas que se falan... e hai linguas das que se presume!
Dentro do proxecto "Estamos orgullos@s de ser galeg@s por..." dentro da área de Proxecto competencial, o alumnado de 3º e 4º puxo toda a súa creatividade a traballar para facer algo moi especial: crear vídeos para presumir da nosa lingua.
Porque... como non presumir dunha lingua que ten palabras tan fermosas como morriña, agarimo, xeito, riquiño ou luscofusco?
Entre cámaras, ideas, risas e moitas ganas, os nosos rapaces e rapazas prepararon distintos vídeos nos que nos lembran por que o galego é un tesouro que debemos coidar, falar e compartir.
Rematamos o curso da mellor maneira coa visita de todo
o alumnado de Primaria á fermosa Illa de Ons!
A viaxe comezou no centro, desde onde nos desprazamos
ata Portonovo para coller o barco que nos levaría á illa. Xa durante a travesía
tivemos unha gran sorpresa: puidemos observar varias arroaces nadando preto da
embarcación.
Unha vez na Illa de Ons, descubrimos moitas
curiosidades sobre este espazo natural tan especial. Acompañados por guías
especializados, que foron moi atentos, simpáticos e amables en todo momento,
realizamos distintas rutas de sendeirismo polas que coñecemos a historia, a
paisaxe e a riqueza natural da illa. Durante os percorridos observamos
diferentes especies de aves, entre elas cormoráns, e tamén aprendemos a
recoñecer algunhas das plantas máis características deste entorno único.
Despois de tanto camiñar e aprender, chegou o momento
de repoñer forzas cun merecido xantar ao aire libre. Compartimos mesa,
conversas, xogos e moitos momentos divertidos.
E para poñer o broche de ouro ao día, rematamos cun refrescante
baño na Praia da Dorna, onde todos puidemos desfrutar do mar e do sol. As
risas, os xogos na area e a