Mostrando entradas con la etiqueta Día do libro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día do libro. Mostrar todas las entradas

Libros e solidariedade no "Mercado de libros"

Esta semana o cole encheuse de libros e ganas de axudar coa celebración do Mercado de Libros.

Grazas aos libros expurgados da biblioteca e ás doazóns das familias puidemos organizar unha xornada moi especial para recadar fondos destinados á Cruz Vermella.

Pero antes de abrir os postos, houbo moito traballo detrás. O alumnado: clasificou os libros, organizounos, puxo prezos e deixou cada detalle listo para a venda. Ademais, nas aulas practicaron como auténticos comerciantes, traballando a compra e venda e poñendo en práctica o sistema monetario dun xeito real.

Durante a xornada convertéronse en estupendos vendedores e vendedoras: atenderon ao público, recomendaron lecturas, cobraron, deron cambio e demostraron que teñen un gran talento para o comercio!

Unha actividade completísima na que, ademais de aprender, traballamos a solidariedade, o consumo responsable e a importancia de darlle unha segunda vida aos libros.

Pechamos abril con moita cor e un bico moi especial

O alumnado de 1º de Primaria puxo o broche de ouro ás celebracións do Mes do Libro coa súa fermosa representación De que cor é un bico?

Despois de conquistar o auditorio nunha primeira actuación, os nosos pequenos e pequenas artistas non quixeron perder a oportunidade de compartir co resto do cole esta obra que prepararon con tanto agarimo. E menos mal que o fixeron porque foi todo un éxito! 

A representación, ademais, estivo acompañada de linguaxe de signos, facendo desta experiencia unha actividade inclusiva e fermosa.

Como sempre, o alumnado fixoo xenial e demostrou sobre o escenario unhas habilidades artísticas que deixaron abraiados aos seus compañeiros e compañeiras, quen gozaron dun espectáculo cheo de cor.

E por se fora pouco, esa mesma tarde ofreceron unha función moi especial para as súas familias, que puideron desfrutar con orgullo e emoción do magnífico traballo realizado.

Parabéns, artistas! Estamos desexando ver con que nos sorprendedes na próxima función! 

Ler para todas e todos: celebramos o Día do Libro con inclusión e emoción

Con motivo da conmemoración do Día do Libro, tivemos a sorte de participar nunha fermosa iniciativa promovida polo Centro de Educación Especial (CEE) da nosa zona, que nos convidou a compartir lecturas empregando diferentes formas de comunicación.

Nesta ocasión, o alumnado de 1º de Primaria preparou con moitísima ilusión e cariño unha lectura teatralizada, acompañada de linguaxe signada, demostrando todo o seu esforzo, implicación e entusiasmo. A obra escollida foi De que cor é un bico? de Rocío Bonilla.

O resultado foi simplemente xenial: unha actividade moi vistosa, emocionante e chea de sensibilidade, na que o noso alumnado puxo todo o empeño para facer chegar a lectura a todas as persoas.

Este tipo de experiencias lembran a importancia da lectura e da diversidade nos seus múltiples xeitos de expresión, favorecendo que todas as persoas poidan acceder ás historias e á cultura independentemente das súas características.

Parabéns ao alumnado de primeiro polo ben que o fixeron e por agasallarnos cunha actividade tan especial!

📖 E ti, de que libro namoraches? 📖

Cada 23 de abril celebramos o Día do Libro, unha data que nos lembra o poder de algo tan sinxelo coma un libro. Libros que nos acompañan, que nos fan pensar, rir ou emocionarnos, e que forman parte do noso día a día máis do que ás veces parece. 

A lectura segue a ser unha ferramenta clave para medrar, para entender o mundo e tamén para gozar do tempo dun xeito diferente.

Nas bibliotecas escolares, este día é especialmente importante e ten un valor moi particular. Non é só unha celebración, senón unha oportunidade para crear comunidade arredor da lectura, para compartir historias e para descubrir que detrás de cada libro hai unha experiencia única esperando a ser contada.

Este ano quixemos facelo dun xeito distinto, propoñendo un reto con nome propio: “E ti, de que libro namoraches?”. A idea era clara: invitar ao alumnado e ás súas familias a escoller ese libro en galego que lles deixou pegada e contar por que.

O resultado é unha colección de pequenas recomendacións nas que o alumnado, acompañado das súas familias, comparte ese libro do que namorou; sen artificios e con naturalidade.

Agora tócache a ti descubrilo.











Grazas por participar, familias! 

Xuntos facemos escola!

Reto polo Día do Libro: "E TI, DE QUE LIBRO NAMORACHES?"

Con motivo da celebración do Día do Libro o 23 de abril, queremos convidarvos a participar nun reto moi especial titulado: “E ti, de que libro namoraches?”.

A proposta consiste en crear un pequeno vídeo en familia no que compartades unha breve valoración do voso libro en galego favorito: que vos fixo sentir?, por que o recomendariades?, que o fai especial para vós?...

Trátase dunha oportunidade fantástica para fomentar o gusto pola lectura en familia e poñer en valor a nosa lingua dun xeito creativo e significativo.

Animámosvos a participar con ilusión, facendo deste proxecto unha experiencia compartida e enriquecedora para todas e todos.

Os vídeos deberán enviarse ao correo electrónico: ardora.escardia@gmail.com 

A data límite de entrega é o venres, 24 de abril.


Agardamos contar coa vosa participación para encher o noso cole de historias, emocións e recomendacións lectoras!


DÍA DO LIBRO EN FAMILIA

 Xa temos todas as recreacións de portadas das familias que participaron nesta actividade en conmemoración polo Día do Libro. Esperamos que vos gusten e que o pasedes tan ben véndoas como eles recreándoas!




DÍA DO LIBRO

Este curso en conmemoración do día do libro, o noso alumnado convertiuse en ilustradores e ilustradoras, recreando as portadas dalgúns dos libros da nosa biblioteca que quedaron ocultas.

Estas son as nosas portadas.


DÍA DO LIBRO

 Bos días, Berberech@s! 

Hoxe, 23 de abril é o DÍA DO LIBRO. 

Para a hora de ler de hoxe, deixámosvos estos fantásticos contos. Desfrutádeos!


OS FANTÁSTICOS LIBROS VOADORES DO SR. MORRIS LESSMOR




A MENINA DE LIBROS



UN MUNDO SIN LIBROS




E  ti como pensas que sería un mundo sen libros?

CARPETA DAS LETRAS

Este ano, dende a biblioteca creamos unha carpeta de diferentes actividades sobre: PRENSA, POESÍA, TEATRO e NARRATIVA E CONTOS INFANTÍS que foi rotando por todas as aulas en conmemoración dos diferentes días adicados a estes xéneros. Traballamos aquí diferentes aspectos, incluídas diferentes técnicas de escritura creativa de Gianni Rodari.







Así soan os nosos trabalinguas



















MERCADILLO SOLIDARIO

 Falta pouquiño para o DÍA DO LIBRO e na Escardia estamos preparando o noso mercadillo solidario con libros de expurgo! Este ano, os cartos recadados irán destinados á asociación CON ELES, quenes nos acompañarán durante este mercadillo tan especial.
















DÍA DO LIBRO - OS DEREITOS DO LIBRO

 O 23 de abril, DÍA DO LIBRO, realizamos para as nosas bibliotecas de aula os DEREITOS DOS LIBROS, promovendo así a formación de usuario e o coidado e o correcto uso dos nosos libros, para poder vivir con eles moreas de aventuras.







DÍA DO LIBRO

 Bos días, Berberech@s! Hoxe é o día do libro e por iso, dende Bibliosaleta, deixámosvos unhas recomendacións moi chulas para a hora de ler. 

Desfrutádeas!

"LOS FANTÁSTICOS LIBROS VOLADORES DEL Sr. MORRIS LESSMORE"

Estades preparados/as para entrar e descubrir esta fascinante libro?

Trátase dunha historia inspirada na curtametraxe do mesmo título, gañadora dun Óscar no ano 2012. Esta curta non ten diálogo nin narración algunha, únicamente un acertado acompañamento musical. A historia conta a vida do Sr. Morris, "amante das palabras, das historias e dos libros". Un furacán acaba con todo o que coñecera. Só e desconcertado, o protagonista da historia camiña ata que se atopa cunha muller que voa impulsada no aire por un grupo de libros voadores, quen lle entrega un libro a Morris, converténdose na súa salvación. Este libro condúceo a unha biblioteca na que entra en contacto con outros moitos libros voadores...


"A MENIÑA DE LIBROS"

Unha meniña navega no seu barquiño a través dun mar de palabras, chega á casa dun neno e pregúntalle se quere unirse á súa aventura. 
Un conto que nos abre as portas ás recompensas da lectura e da importancia de compartirmos historias.


"O INCRIBLE NENO DEVORADOR DE LIBROS"

Henry é un neno ao que lle encantan os libros...porque están boísimos! Pero todos sabemos o que che pode pasar se comes demasiados libros, verdade? 
Mergúllate neste conto para ver o final.


CONTO VIAXEIRO

 Polo día do libro, elaboramos un conto viaxeiro entre todo o alumnado do cole. Cada clase tivo asignado unha parte do conto sobre a que debía traballar no texto narrativo e, seguindo o nos camiño, chegamos ao final, creando un conto con diferentes partes alternativas nas que a persoa que o le pode escoller a súa propia historia para ler.

O noso libro de seguridade vial quedará na biblioteca para que todos e todas o poidades ler.





MERCADILLO SOLIDARIO

 Bos días!

Este ano, como segundo ano consecutivo, realizamos, polo día do libro, o noso mercadillo solidario cos libros de expurgo. Todo o alumnado de infantil e primaria montou os seus postos, cheos de libros e convertíronse en vendedores e compradores para traballar a tope as matemáticas e a formación de usuarios na xestión de fondos da biblioteca.

Este curso, como estamos a tope co proxecto de seguridade vial Movemento Escardia, quixemos doar o recadado para a asociación Stop Accidentes de Galicia, o cal non sería posible sen a colaboración de todas as familias do cole. 

Así de ben saíron estas xornadas nas que centro e familias colaboramos nun mesmo proxecto.















DÍA DO LIBRO

 Bos días!

Este ano, polo día do libro, realizamos un obradoiro de imprenta manual, no que aprendimos as orixes da imprenta e todo o seu proceso, facendo pequenas creacións sobre o noso proxecto. Mirade que ben o pasamos!