Mostrando entradas con la etiqueta club de ciencias. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta club de ciencias. Mostrar todas las entradas

🔬 A ciencia sae á rúa coa Salnés Ciencia e o noso cole tamén!

Un ano máis a feira Salnés Ciencia volveu converterse nun punto de encontro para a curiosidade, a innovación e o talento do alumnado da comarca. Nesta terceira edición, celebrada en Vilanova de Arousa, participaron centros de todo o Salnés nunha xornada chea de experimentos, proxectos sorprendentes e moitas ganas de compartir ciencia.

O alumnado do Club de Ciencias non defraudou e levou á feira unha exposición espectacular, vinculada ao proxecto do centro “En Gallego”. Presentaron os traballos das distintas aulas de maneira interactiva, demostrando un gran dominio dos contidos: explicaban con seguridade como idearon, programaron, construíron e puxeron en funcionamento cada proposta.

Entre os proxectos destacaron:

⚡Circuitos eléctricos para crear xogos tipo Conecta cos que coñecer oficios tradicionais galegos.

🎮 Videoxogos creados con Scratux.

⚙️ Recreación de maquinaria para a súa vila mariñeira cos Nezha e as placas micro:bit (guindastre, faro, colleitadora, ponte levadiza…).

🧩Maqueta interactiva creada cos tecla-tecla sobre o proceso de cultivo, recollida e transformación do millo.

🐉 Presentación de seres mitolóxicos de Galicia cos tecla-tecla.

E como non podía ser doutro xeito...🚂 o Intelino converteuse nun dos grandes protagonistas, atraendo a visitantes curiosos en cada parada!

O mellor de todo foi ver como o noso alumnado se implicou ao máximo: participaron activamente, explicaron con entusiasmo e fixeron que cada visitante se sentise parte da experiencia. Ademais, moitas das persoas que se achegaban aos seus postos levaban un pequeno recordo en forma de chaveiro ou chapa.

Foi unha tarde que pasou voando, chea de aprendizaxe, emoción e moitas risas 

Queremos destacar o enorme traballo realizado durante todo o curso polas aulas e polo alumnado do Club de ciencias. A súa implicación, creatividade e capacidade para comunicar fixeron que representasen ao cole dun xeito excelente neste encontro con outros centros do Salnés.

Porque a ciencia non só se aprende, senón que tamén se comparte e se desfruta!

Unha vila mariñeira chea de ciencia!

Club de Ciencia pecha o primeiro trimestre por todo o alto cun proxecto final tan ambicioso como creativo. O noso alumnado puxo en marcha unha pequena vila mariñeira, creada dende cero con moita imaxinación, traballo en equipo e… ciencia!

Nesta vila non faltou case de nada:
  💡 un faro que guía ás embarcacións,
  🏗️ un guindastre para mover cargas,
  🌱 un sistema de rego para coidar as zonas verdes,
  🌉 unha ponte levadiza chea de movemento
  🚜 e mesmo unha colleitadora funcionando! 

Para facelo posible, o alumnado traballou arreo programando e experimentando cos NEZHA, poñendo a proba os seus coñecementos de robótica, lóxica e resolución de problemas. Cada reto foi unha oportunidade para aprender facendo, equivocarse e volver intentalo.

Nesta ocasión, a parte artística tamén tivo un papel protagonista. Empregamos materiais reciclados para construír os diferentes elementos da vila, promovendo así a importancia do coidado do medio ambiente e demostrando que con creatividade pódese dar unha segunda vida a moitos obxectos.


O resultado é unha vila mariñeira chea de vida, movemento e aprendizaxe, que reflicte o esforzo, a ilusión e o talento do noso alumnado. Un proxecto que nos enche de orgullo e que nos deixa con ganas de seguir explorando, creando e aprendendo xuntos no próximo trimestre.


A ciencia tamén se constrúe con imaxinación e no Club de Ciencia témolo claro!

Explosión de sabores coa cociña molecular!

O alumnado tivo a sorte de compartir co IES Armando Cotarelo Valledor unha xornada moi especial, chea de descubrimento e moita froita. Xuntos gozaron dun obradoiro de cociña molecular no que plátanos, mazás e amorodos se convertiron nos auténticos protagonistas do laboratorio.

Entre probas, experimentos e curiosidades, a rapazada descubriu como a ciencia pode converter a cociña nun xogo marabilloso. Boliñas que estalan na boca, texturas que sorprenden e cores que chaman a atención fixeron desta actividade unha auténtica festa gastronómica.

A mellor parte? Poder saborear as súas creacións! Comeron, probaron, repetiron… Puxéronse as botas!

Foi unha mañá diferente, creativa e superenriquecedora.

Queremos enviar unha enorme aperta de agradecemento ao profesorado e ao alumnado do Instituto, que nos acompañaron, guiaron e compartiron con nós esta experiencia tan saborosa. Grazas por facer desta xornada un recordo tan doce!

Agardamos a próxima con moitísima ilusión!

CLUB DE CIENCIA

COMEZA O CLUB DE CIENCIA!

Hoxe deu comezo o Club de Ciencia cunha xornada chea de imaxinación, traballo en equipo e un reto.

As nenas e nenos participantes nesta iniciativa puxéronse mans á obra para crear a súa propia máquina de Golberg, un invento cheo de mecanismos en cadea no que cada peza activa a seguinte, como nun pequeno espectáculo científico.

O obxectivo da actividade era claro: poñer en práctica o enxeño e a creatividade de cada participante, mentres aprendían principios de física e tecnoloxía de forma lúdica e divertida. Con materiais sinxelos como: bolas, dominós, tubos, cartóns...; foron deseñando e construíndo os distintos elementos da súa máquina.

Durante a sesión, o ambiente encheuse de ideas, probas e moitas ganas de mellorar. 

Cada grupo foi axustando os detalles, buscando que todo encaixase e que o mecanismo funcionase. Foi marabilloso ver como colaboraban, compartían ideas e non se rendían ante os pequenos contratempos.

Para rematar, chegou o momento máis agardado: a gran proba final. Con todos expectantes, puxemos en marcha a máquina... As bolas rodaron, as fichas caeron, e todo o proceso cobrou vida.




Esta actividade foi unha mostra perfecta de como a ciencia pode ser un xogo apaixonante, onde a aprendizaxe vai da man da creatividade e do traballo en equipo.

No Club de Ciencia seguimos demostrando que aprender pode ser unha aventura chea de descubrimentos!

CLUB DE CIENCIA

Unha pequena memoria fotográfica de todo o traballado no primeiro curso do noso CLUB DE CIENCIA!








DECORACIÓN DE NADAL NO CLUB DE CIENCIAS

 Nesta ocasión, os nenos e nenas do club de ciencias realizaron pequenos circuitos led para alumear un poboado de Nadal, imitando os poboados de Laponia, o cal acompaña a nosa árbore de libros como decoración do cole.