Un ano máis a feira Salnés Ciencia volveu converterse nun punto de encontro para a curiosidade, a innovación e o talento do alumnado da comarca. Nesta terceira edición, celebrada en Vilanova de Arousa, participaron centros de todo o Salnés nunha xornada chea de experimentos, proxectos sorprendentes e moitas ganas de compartir ciencia.
O alumnado do Club de Ciencias non defraudou e levou á feira unha exposición espectacular, vinculada ao proxecto do centro “En Gallego”. Presentaron os traballos das distintas aulas de maneira interactiva, demostrando un gran dominio dos contidos: explicaban con seguridade como idearon, programaron, construíron e puxeron en funcionamento cada proposta.
Entre os proxectos destacaron:
⚡Circuitos eléctricos para crear xogos tipo Conecta cos que coñecer oficios tradicionais galegos.
🎮 Videoxogos creados con Scratux.
⚙️ Recreación de maquinaria para a súa vila mariñeira cos Nezha e as placas micro:bit (guindastre, faro, colleitadora, ponte levadiza…).
🧩Maqueta interactiva creada cos tecla-tecla sobre o proceso de cultivo, recollida e transformación do millo.
🐉 Presentación de seres mitolóxicos de Galicia cos tecla-tecla.
E como non podía ser doutro xeito...🚂 o Intelino converteuse nun dos grandes protagonistas, atraendo a visitantes curiosos en cada parada!
O mellor de todo foi ver como o noso alumnado se implicou ao máximo: participaron activamente, explicaron con entusiasmo e fixeron que cada visitante se sentise parte da experiencia. Ademais, moitas das persoas que se achegaban aos seus postos levaban un pequeno recordo en forma de chaveiro ou chapa.
Foi unha tarde que pasou voando, chea de aprendizaxe, emoción e moitas risas
Queremos destacar o enorme traballo realizado durante todo o curso polas aulas e polo alumnado do Club de ciencias. A súa implicación, creatividade e capacidade para comunicar fixeron que representasen ao cole dun xeito excelente neste encontro con outros centros do Salnés.
Porque a ciencia non só se aprende, senón que tamén se comparte e se desfruta!
No hay comentarios:
Publicar un comentario