Mostrando entradas con la etiqueta igualdade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta igualdade. Mostrar todas las entradas

Unha xornada para aprender e medrar xuntos

Con motivo do 21 de marzo, Día Mundial da Síndrome de Down, no colexio tivemos a oportunidade de vivir unha xornada moi especial da man da Asociación Down Pontevedra "Xuntos". Non quixemos deixar pasar unha data tan significativa sen participar nunha experiencia chea de aprendizaxe, sensibilización e emoción.

Ao longo da xornada, o alumnado participou en diferentes actividades de concienciación e sensibilización arredor da síndrome de Down, achegándose a esta realidade dun xeito próximo, respectuoso, divertido e moi enriquecedor.

Foi unha ocasión moi valiosa para comprender mellor que todas as persoas somos diferentes, únicas e importantes, e para seguir traballando valores fundamentais como a igualdade, a empatía, o respecto e a inclusión. A través de cada actividade, fomos aprendendo que a diversidade nos enriquece e que convivir desde o respecto nos fai medrar como persoas e como comunidade.

Queremos agradecer de corazón a Rebeca, Beli, Ramón e Pedro por compartir connosco esta xornada tan fermosa, pola súa cercanía, polo seu entusiasmo e por axudarnos a aprender dun xeito tan especial.

Sen dúbida, foi unha experiencia para lembrar e unha oportunidade marabillosa para seguir construíndo entre todos e todas un entorno máis humano, xusto e inclusivo.

♀️8M. As mulleres que sosteñen Galicia

Cada 8 de marzo, Día Internacional da Muller, lembramos algo fundamental: a igualdade non é só un obxectivo, é un camiño que se constrúe día a día.

Con esta idea realizamos unha actividade especial titulada “As mulleres que sosteñen Galicia”, unha proposta pensada para descubrir, aprender e inspirarse coas historias de mulleres galegas que deixan pegada na nosa sociedade.

A través da mesma, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer, de preto, diferentes referentes femininos de Galicia, mulleres que desde ámbitos moi diversos contribúen a facer unha sociedade máis rica, máis xusta e diversa.

Entre elas atopamos:

A Alicia e Xulia, dúas mulleres da Asociación Pés de Barro, exemplo de compromiso social e cultural a través da loita pola conservación da nosa tradición.

.

A actriz galega Anabell Gago, que achega talento e voz á cultura galega.

Ou Bárbara Vázquez Naus, bateeira e actual presidenta do Club de Salvamento e Natación de Vilagarcía de Arousa, unha mostra de liderado feminino.


Tamén tivemos presente a figuras do mundo cultural como Paula Carballeira, narradora, actriz e escritora que leva anos facendo medrar a cultura galega a través da palabra, da escena e da educación.

Pero isto non remata aquí!

A continuación poderedes ver o resultado do traballo do alumnado que permitiu que o alumnado descubrira historias de esforzo, talento e superación, comprendendo que detrás de cada avance social hai persoas que traballan con paixón e compromiso.


Ao mesmo tempo, serviu para reflexionar sobre algo moi importante:
aínda que se conseguiron moitos avances na igualdade entre homes e mulleres, queda camiño por percorrer. Coñecer a estas mulleres e o seu traballo é unha maneira de tomar conciencia do logrado e tamén do que aínda debemos seguir construíndo entre todas e todos.

Malia que o tempo non nos permitiu saír a realizar a manifestación que estaba prevista, iso non restou ilusión nin participación ao alumnado. Para pechar a xornada, o alumnado de Educación Infantil protagonizou unha cacerolada arredor do colexio, enchendo o espazo de son, alegría e reivindicación, nun pequeno pero significativo xesto para facer visible a importancia deste día.


Ademais, creouse un recuncho con lecturas recomendadas, con libros e materiais sobre mulleres galegas en distintos ámbitos: cultura, ciencia, deporte, acción social... Esta selección permitiu que o alumnado seguisse descubriendo historias de esforzo, talento e superación, comprendendo que detrás de cada avance social hai persoas que traballan con paixón e compromiso.


Porque seguir conmemorando o Día da Muller segue sendo necesario: para lembrar, para aprender e para continuar avanzando cara a unha igualdade real.

🌊 Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar ♀️

Os corredores do cole convértense nun pequeno espazo de reflexión e aprendizaxe grazas á exposición “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, unha iniciativa que nos achega a un tema tan importante como pouco visibilizado: o papel das mulleres no ámbito mariño.

A mostra forma parte dun proxecto promovido pola Deputación en colaboración coa Universidade de Vigo, e non só se queda en paneis informativos, senón que vai moito máis alá.

Leváronse a cabo algúns obradoiros, impartidos pola profesora da UVigo Tamara Amorín, que comezaron cunha charla na que, a través da mirada dunha nena, se explicou o problema da contaminación no mar, facendo reflexionar ao alumnado dun xeito próximo e doado de entender.

O alumnado descubriu o percorrido que seguen alimentos tan cotiáns como o atún en lata, coñecendo todo o proceso desde o mar ata que chega ás nosas casas; e púxose en valor o papel das mulleres neste sector, onde son maioría, pero moitas veces con traballos pouco visibles.

Para rematar, puxeron en práctica o aprendido cunha actividade de separación de residuos, demostrando que pequenos xestos poden facer unha gran diferenza.

 

Durante a xornada recibimos a visita da deputada de Igualdade, que compartiu tempo co profesorado e co alumnado, interesándose pola actividade e apoiando iniciativas que, como esta, constrúen unha sociedade máis xusta e consciente.

Este tipo de propostas deixan pegada. Non só polo que se aprende, senón polas sementes que se plantan: curiosidade, respecto polo medio e unha mirada máis ampla sobre o papel das mulleres no noso día a día.

"Coñece a Rosalía": letras, arte e igualdade

No marco do programa Donas de si, o noso alumnado participou nunha enriquecedora actividade centrada na figura de Rosalía de Castro, unha das escritoras máis importantes da literatura galega e universal.

Ao longo da xornada, o alumnado tivo a oportunidade de achegarse á súa vida e obra, descubrindo curiosidades sobre a súa traxectoria persoal e literaria. A través dunha metodoloxía dinámica e participativa, coñeceron mellor o contexto no que viviu e o valor do seu legado na defensa da lingua e da identidade galega.

Ademais, o alumnado tivo a oportunidade de dar renda solta á súa creatividade realizando a súa propia ilustración de Rosalía, interpretando a súa figura dende unha mirada persoal e artística. Cada debuxo converteuse nun reflexo da imaxinación e da sensibilidade dos nenos e nenas, que puxeron en práctica as súas destrezas no debuxo con resultados moi orixinais e expresivos.

Esta xornada tamén serviu como espazo de reflexión sobre a igualdade entre mulleres e homes, destacando o papel fundamental de figuras femininas como Rosalía na historia. O alumnado amosou unha grande implicación e participación.

Sen dúbida, foi unha xornada na que aprender, crear e reflexionar foron da man.

25N. Cociñando o bo trato!

Este curso, para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, puxémonos mans á obra cun reto moi especial.

Cada aula recibiu unha misión: crear unha parte dun gran mural colectivo. O máis divertido foi que ninguén sabía o que estaban a facer as demais clases nin como sería o resultado final. Había moita intriga! Sería un debuxo? Unha mensaxe? Un collage?




Pouco a pouco fomos xuntando todas as pezas, coma se se tratase dun enorme crebacabezas. E cando por fin o montamos... sorpresa! Entre todas e todos crearamos un mural precioso. Unha mostra de que, aínda que cada persoa achegue unha pequena parte, cando traballamos en equipo conseguimos cousas marabillosas.

Pero a actividade non rematou aí. Como bos cociñeiros e cociñeiras do Bo Trato, cada aula elaborou a súa propia receita. E que ingredientes descubrimos que son imprescindibles? Unha cunca chea de respecto, dúas culleradas de empatía, un bo chisco de igualdade, moita escoita, varias pingas de amizade e unha morea de ganas de axudar aos demais. Mesturámolo todo con cariño e... xa temos a receita perfecta para convivir mellor!



 

Ao longo da actividade tamén reflexionamos sobre algo moi importante: construír un cole libre de violencia machista é unha tarefa de todos os días. Facémolo cando respectamos aos demais, cando coidamos as nosas palabras, cando axudamos a quen o necesita e cando aprendemos a convivir en igualdade.

8M

Este ano conmemoramos o 8M cuns fantásticos pósters realizados polo alumnado, xunto cuns traballos de investigación sobre as mulleres no deporte. Aquí está o resultado de todo o  traballo, xunto cunhas recomendacións lectoras da nosa biblio!


DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

Bos días!

Hoxe é o día da muller e da nena na ciencia e por iso, temos na nosa biblio unha selección de libros que nos falan de mulleres moi importantes no mundo da ciencia. Algunhas delas forman parte agora da nosa decoración.

Así, celebramos esta data, co obxectivo de promover o acceso pleno e equitativo e a participación feminina na Ciencia. E ademais, recoñecemos o papel fundamental que desempeñan as mulleres no ámbito da ciencia e da tecnoloxía.