Cada 8 de marzo, Día Internacional da Muller, lembramos algo fundamental: a igualdade non é só un obxectivo, é un camiño que se constrúe día a día.
Con esta idea realizamos unha
actividade especial titulada “As mulleres que sosteñen Galicia”, unha
proposta pensada para descubrir, aprender e inspirarse coas historias de
mulleres galegas que deixan pegada na nosa sociedade.
A través da mesma, o
alumnado tivo a oportunidade de coñecer, de preto, diferentes referentes femininos de Galicia, mulleres que desde
ámbitos moi diversos contribúen a facer unha sociedade máis rica, máis xusta e diversa.
Entre elas atopamos:
A Alicia e Xulia, dúas mulleres da Asociación Pés de Barro, exemplo de compromiso social e cultural a través da loita pola conservación da nosa tradición.
A actriz galega Anabell Gago, que achega talento e voz á cultura galega.
Ou Bárbara Vázquez Naus, bateeira e actual presidenta do Club de Salvamento e Natación de Vilagarcía de Arousa, unha mostra de liderado feminino.
Tamén tivemos presente a figuras
do mundo cultural como Paula Carballeira, narradora, actriz e escritora
que leva anos facendo medrar a cultura galega a través da palabra, da escena e
da educación.
Pero isto non remata aquí!
A continuación poderedes ver o
resultado do traballo do alumnado que permitiu que o alumnado descubrira historias de esforzo, talento e
superación, comprendendo que detrás de cada avance social hai persoas
que traballan con paixón e compromiso.
Ao mesmo tempo, serviu para
reflexionar sobre algo moi importante:
aínda que se conseguiron moitos avances
na igualdade entre homes e mulleres, queda camiño por percorrer. Coñecer a estas mulleres e o seu
traballo é unha maneira de tomar
conciencia do logrado e tamén do que aínda debemos seguir construíndo entre
todas e todos.
Malia que o tempo non
nos permitiu saír a realizar a manifestación que estaba prevista, iso non
restou ilusión nin participación ao alumnado. Para pechar a xornada, o alumnado
de Educación Infantil
protagonizou unha cacerolada arredor do
colexio, enchendo o espazo de son, alegría e reivindicación, nun pequeno
pero significativo xesto para facer visible a importancia deste día.
Ademais, creouse un recuncho con lecturas recomendadas, con libros e materiais sobre mulleres galegas en distintos ámbitos: cultura, ciencia, deporte, acción social... Esta selección permitiu que o alumnado seguisse descubriendo historias de esforzo, talento e superación, comprendendo que detrás de cada avance social hai persoas que traballan con paixón e compromiso.
Porque seguir conmemorando o Día da Muller segue sendo necesario: para
lembrar, para aprender e para continuar avanzando cara a unha igualdade real.
No hay comentarios:
Publicar un comentario