Mostrando entradas con la etiqueta Recomendacións lectoras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Recomendacións lectoras. Mostrar todas las entradas

Recomendacións lectoras para o verán

O verán está feito para descansar, pasalo ben e encher os días de momentos especiais. E entre un baño, unha excursión, unha tarde de xogos ou un xeado ao sol, sempre hai sitio para unha boa historia. Porque ler tamén é unha forma estupenda de viaxar, rir, emocionarse e vivir aventuras sen saír da toalla.

Para que non vos falten ideas, aquí tedes as recomendacións lectoras para todos os niveis, ademais de algunhas propostas para compartir en familia. 

Libros para os máis lectores e tamén para quen só precisa atopar a historia axeitada para engancharse.

Botádelles unha ollada... quen sabe? Pode que aquí estea o voso próximo libro favorito deste verán.

Visita lectora á EEI A Galiña Azul

O alumnado de 4º de Primaria viviu unha xornada moi especial coa súa visita á Escola de Educación Infantil A Galiña Azul de Vilaxoán.

Os nenos e nenas prepararon con moitísimo agarimo e ilusión diferentes lecturas para compartir cos máis pequenos, converténdose por un día en grandes contadores de historias.

Foi unha experiencia moi bonita e enriquecedora, que deu lugar á creación dun espazo de encontro e convivencia.

Sen dúbida, foi unha actividade emotiva, divertida e moi motivadora para todos e todas, que nos lembra a importancia de crear redes e compartir experiencias.

Grazas a todas as persoas que fixeron posible esta xornada tan chula e especial!

Agardamos volver!

Creamos a Chave de Diamante de Amanda Black

 O alumnado de 5º e 6º participante no Club de Lectura rematou a lectura de Una herencia perigosa, da saga Amanda Black, converténdose despois en auténticos inventores.

Inspirándose na historia, cada grupo deseñou o seu propio prototipo da famosa Chave de Diamante, empregando moita imaxinación, creatividade e traballo en equipo.

Xurdiron chaves misteriosas, futuristas e cheas de detalles sorprendentes que demostran todo o talento do noso alumnado.

Unha experiencia lectora e creativa fantástica!

Pechamos abril con moita cor e un bico moi especial

O alumnado de 1º de Primaria puxo o broche de ouro ás celebracións do Mes do Libro coa súa fermosa representación De que cor é un bico?

Despois de conquistar o auditorio nunha primeira actuación, os nosos pequenos e pequenas artistas non quixeron perder a oportunidade de compartir co resto do cole esta obra que prepararon con tanto agarimo. E menos mal que o fixeron porque foi todo un éxito! 

A representación, ademais, estivo acompañada de linguaxe de signos, facendo desta experiencia unha actividade inclusiva e fermosa.

Como sempre, o alumnado fixoo xenial e demostrou sobre o escenario unhas habilidades artísticas que deixaron abraiados aos seus compañeiros e compañeiras, quen gozaron dun espectáculo cheo de cor.

E por se fora pouco, esa mesma tarde ofreceron unha función moi especial para as súas familias, que puideron desfrutar con orgullo e emoción do magnífico traballo realizado.

Parabéns, artistas! Estamos desexando ver con que nos sorprendedes na próxima función! 

Recomendacións lectoras para o mes de maio

Maio chega cargado de flores e de historias para descubrir!

Este mes propoñémosvos lecturas moi especiais para celebrar as nosas tradicións e as nosas letras:

Para traballar os maios:
📖 Maios e desmaios, unha lectura perfecta para mergullarse nesta fermosa tradición galega.

Polo Día das Letras Galegas e para coñecer á escritora homenaxeado Begoña Caamaño:
📖 Os fíos de Begoña
📖 Begoña ou o pracer da amizade

Animádevos a descubrilos, lelos… e, por suposto, pasade pola biblioteca para botarlles unha ollada e levalos en préstamo!

E non vos esquezades do reto lector! O desafío deste mes é ler unha obra en galego.



Agardámosvos entre andeis!

📖 E ti, de que libro namoraches? 📖

Cada 23 de abril celebramos o Día do Libro, unha data que nos lembra o poder de algo tan sinxelo coma un libro. Libros que nos acompañan, que nos fan pensar, rir ou emocionarnos, e que forman parte do noso día a día máis do que ás veces parece. 

A lectura segue a ser unha ferramenta clave para medrar, para entender o mundo e tamén para gozar do tempo dun xeito diferente.

Nas bibliotecas escolares, este día é especialmente importante e ten un valor moi particular. Non é só unha celebración, senón unha oportunidade para crear comunidade arredor da lectura, para compartir historias e para descubrir que detrás de cada libro hai unha experiencia única esperando a ser contada.

Este ano quixemos facelo dun xeito distinto, propoñendo un reto con nome propio: “E ti, de que libro namoraches?”. A idea era clara: invitar ao alumnado e ás súas familias a escoller ese libro en galego que lles deixou pegada e contar por que.

O resultado é unha colección de pequenas recomendacións nas que o alumnado, acompañado das súas familias, comparte ese libro do que namorou; sen artificios e con naturalidade.

Agora tócache a ti descubrilo.











Grazas por participar, familias! 

Xuntos facemos escola!

Reto polo Día do Libro: "E TI, DE QUE LIBRO NAMORACHES?"

Con motivo da celebración do Día do Libro o 23 de abril, queremos convidarvos a participar nun reto moi especial titulado: “E ti, de que libro namoraches?”.

A proposta consiste en crear un pequeno vídeo en familia no que compartades unha breve valoración do voso libro en galego favorito: que vos fixo sentir?, por que o recomendariades?, que o fai especial para vós?...

Trátase dunha oportunidade fantástica para fomentar o gusto pola lectura en familia e poñer en valor a nosa lingua dun xeito creativo e significativo.

Animámosvos a participar con ilusión, facendo deste proxecto unha experiencia compartida e enriquecedora para todas e todos.

Os vídeos deberán enviarse ao correo electrónico: ardora.escardia@gmail.com 

A data límite de entrega é o venres, 24 de abril.


Agardamos contar coa vosa participación para encher o noso cole de historias, emocións e recomendacións lectoras!


Chegan "Os detectives zopencos" á biblioteca

Temos grandes novas para os nosos pequenos lectores!

A biblioteca do cole acaba de sumar unha colección que promete risas, misterio e moita diversión: “Os detectives Zopencos”. Si, si, zopencos! Porque non todos os detectives teñen que ser serios, elegantes e infalibles. Ás veces, os máis despistados son os que viven as aventuras máis sorprendentes! 

Nesta colección atoparedes historias cheas de enredos, pistas imposibles, situacións disparatadas e personaxes que farán que non poidades parar de rir. Pero ademais de pasalo en grande, tamén poñeredes a proba o voso enxeño. 

Seredes capaces de resolver os misterios antes ca eles?

Agardámosvos na biblioteca!

📚✨ Abril en viñetas! ✨📚

Este mes de abril, as nosas recomendacións lectoras mergúllanse de cheo no apaixonante mundo da banda deseñada, un xénero que nos invita a ler dun xeito diferente e moi divertido.

📖 Ademais, a banda deseñada convértese tamén no reto mensual de abril dentro do noso Reto lector!

As historias en cómic son moito máis que debuxos: son aventuras cheas de emoción, humor e imaxinación, onde cada viñeta conta algo especial. Por iso, propoñémosvos convertervos en auténticos expertos lectores deste xénero, prestando atención á orde das viñetas, aos diálogos e aos pequenos detalles que fan que cada historia cobre vida.

No recuncho de recomendacións lectoras atoparedes algúns dos recursos e propostas que temos preparados para vós: cómics divertidos e recomendacións feitas polos voluntarios e voluntarias de biblioteca. 

Animádevos a mergullarvos neste universo de cores e aventuras. Quen sabe! Quizais o próximo gran cómic saia da vosa imaxinación!

Recomendacións lectoras para estas vacacións

Chegan as vacacións de Semana Santa! Uns días perfectos para descansar, compartir tempo coa familia, xogar, pasear… e tamén para abrir un libro e deixarse levar por historias sorprendentes, divertidas, emocionantes e inesquecibles.

No cole queremos animar a todo o alumnado a aproveitar este tempo para gozar da lectura dun xeito tranquilo e praceroso. Ler nas vacacións non é facer deberes: é viaxar sen maleta, coñecer personaxes fascinantes, descubrir misterios, rir, emocionarse e vivir mil aventuras sen saír da casa, da praia, da aldea ou do sofá.

Por iso, preparamos unha selección de recomendacións lectoras pensadas para estas vacacións, adaptadas ás distintas idades e tamén aos diferentes niveis de lectura. Porque cada lector e cada lectora é único, e o importante non é ler o mesmo nin ler moitísimo… o importante é atopar ese libro que nos enganche, que nos faga sorrir e que nos dea ganas de seguir pasando páxinas.

Nesta selección hai propostas para os máis pequenos, para quen está empezando a dar os seus primeiros pasos como lector ou lectora, para quen xa devora libros sen descanso e tamén para quen busca historias algo máis longas, intensas ou cheas de misterio. Hai contos, aventuras, humor, fantasía, relatos entrañables e libros capaces de sorprender.

E atención familias, porque nesta selección tamén hai propostas para vós!

Agardamos que entre estas recomendacións atopedes historias para gozar, compartir e lembrar. Boas vacacións e felices lecturas!

♀️8M. As mulleres que sosteñen Galicia

Cada 8 de marzo, Día Internacional da Muller, lembramos algo fundamental: a igualdade non é só un obxectivo, é un camiño que se constrúe día a día.

Con esta idea realizamos unha actividade especial titulada “As mulleres que sosteñen Galicia”, unha proposta pensada para descubrir, aprender e inspirarse coas historias de mulleres galegas que deixan pegada na nosa sociedade.

A través da mesma, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer, de preto, diferentes referentes femininos de Galicia, mulleres que desde ámbitos moi diversos contribúen a facer unha sociedade máis rica, máis xusta e diversa.

Entre elas atopamos:

A Alicia e Xulia, dúas mulleres da Asociación Pés de Barro, exemplo de compromiso social e cultural a través da loita pola conservación da nosa tradición.

.

A actriz galega Anabell Gago, que achega talento e voz á cultura galega.

Ou Bárbara Vázquez Naus, bateeira e actual presidenta do Club de Salvamento e Natación de Vilagarcía de Arousa, unha mostra de liderado feminino.


Tamén tivemos presente a figuras do mundo cultural como Paula Carballeira, narradora, actriz e escritora que leva anos facendo medrar a cultura galega a través da palabra, da escena e da educación.

Pero isto non remata aquí!

A continuación poderedes ver o resultado do traballo do alumnado que permitiu que o alumnado descubrira historias de esforzo, talento e superación, comprendendo que detrás de cada avance social hai persoas que traballan con paixón e compromiso.


Ao mesmo tempo, serviu para reflexionar sobre algo moi importante:
aínda que se conseguiron moitos avances na igualdade entre homes e mulleres, queda camiño por percorrer. Coñecer a estas mulleres e o seu traballo é unha maneira de tomar conciencia do logrado e tamén do que aínda debemos seguir construíndo entre todas e todos.

Malia que o tempo non nos permitiu saír a realizar a manifestación que estaba prevista, iso non restou ilusión nin participación ao alumnado. Para pechar a xornada, o alumnado de Educación Infantil protagonizou unha cacerolada arredor do colexio, enchendo o espazo de son, alegría e reivindicación, nun pequeno pero significativo xesto para facer visible a importancia deste día.


Ademais, creouse un recuncho con lecturas recomendadas, con libros e materiais sobre mulleres galegas en distintos ámbitos: cultura, ciencia, deporte, acción social... Esta selección permitiu que o alumnado seguisse descubriendo historias de esforzo, talento e superación, comprendendo que detrás de cada avance social hai persoas que traballan con paixón e compromiso.


Porque seguir conmemorando o Día da Muller segue sendo necesario: para lembrar, para aprender e para continuar avanzando cara a unha igualdade real.