Mostrando entradas con la etiqueta Entroido. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Entroido. Mostrar todas las entradas

O Entroido chegou ao cole e veu cargadiño de aprendizaxe!

O alumnado de 6º de Primaria, dentro da asignatura de Proxecto Competencial, púxose mans á obra para investigar os distintos Entroidos de Galicia: personaxes, traxes, tradicións… non se lles escapou nada! 

E claro, todo ese saber non podía quedar gardado… así que decidiron compartilo cos compañeiros e compañeiras doutros cursos, converténdose en auténticos transmisores de coñecemento e cultura.. E vaia se o fixeron ben!

As presentacións foron súper interesantes e cheas de curiosidades, pero o mellor chegou ao final… unha rolda de preguntas onde os máis pequenos e pequenas demostraron que estiveran moi atentos! Todo isto, por suposto, en galego e dun xeito moi divertido e participativo.

Unha xornada moi chula que nos permitiu aprender, compartir e seguir medrando xuntos arredor da nosa identidade cultural.

Parabéns ao alumnado de 6º polo traballazo! Fixéstelo xenial! 

O Enterro da Sardiña 🐟🎭

Pechamos o Entroido dunha maneira moi especial: co tradicional Enterro da Sardiña, unha festa chea de emocións, creatividade e dramatización!

O alumnado de Infantil e Primaria converteuse por un día en auténticos protagonistas dunha despedida moi sentida. Fixemos un desfile polo centro no que a nosa querida sardiña foi acompañada por un cortexo moi particular: prantos esaxerados, caras longas, panos para enxugar as bágoas e algún que outro laio digno dos mellores actores e actrices!


Os nenos e nenas metéronse no papel de verdade. Choramos (de mentira), suspiramos e despedimos á sardiña como merecía. Foi un enterro simbólico no que participou todo o alumnado, compartindo un momento que, aínda que parecía triste… estaba cheo de alegría.

Porque no fondo, o Enterro da Sardiña é iso, unha despedida divertida, unha forma de pechar o Entroido e un momento para rir, compartir e facer escola.

Entre bágoas finxidas e risas verdadeiras, demostramos que as tradicións seguen máis vivas ca nunca cando as celebramos en comunidade.

A nosa sardiña xa descansa, pero nós quedamos coa alegría de telo celebrado xuntos!

Ata o vindeiro Entroido!

🎭 Entroido á galega! Oficios con moito xeito e tradición 🎶

Este ano celebramos un Entroido moi noso, un Entroido á galega, no que a tradición, os oficios de sempre e a nosa cultura foron os grandes protagonistas. O centro encheuse de cor, ilusión e moitísimo talento!

🌊 Infantil: grandes profesionais do mar.

O alumnado de Infantil mergullouse no mundo mariñeiro. Puidemos ver auténticas e auténticos profesionais do mar: mariñeiros e pescadoras, mariscadores/as, redeiros/as… Parecía que o mar entrara no cole! Non faltaron as redes e os capachos e, sobre todo, os sorrisos salgados de ilusión.



🌾 1º e 2º de Primaria e a vida de aldea

O rural galego tamén tivo o seu merecido protagonismo. Agricultoras/es, panadeiros/as, leiteiros/as… e mesmo algún que outro animaliño da granxa paseando polo ximnasio!



Foi unha homenaxe preciosa á vida na aldea, aos traballos de sempre e ás mans que coidan a nosa terra.

 

3º e 4º de Primaria e a Galicia con sabor a mar

O alumnado de 3º e 4º volveu traer o mar ao noso desfile con: bateiras/os, redeiras/os, mariñairos/as, pescadores/as, maristacores/as… e algún que outro guía do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas.

Un auténtico porto pesqueiro instalado no ximnasio!

 

🎶 5º e 6º de Primaria. A ritmo de Rondalla!

E cando parecía que xa non se podía superar… chegaron 5º e 6º con moito ritmo e alegría, convertidos en auténticas rondallas!


Pandeiretas, movemento, coordinación e moitísima enerxía fixeron vibrar o ximnasio enteiro.

É certo que este ano a predición meteorolóxica non nos deu tregua. A chuvia non nos permitiu saír ao exterior como é costume, pero... é que cando hai ganas, ilusión e espírito de Entroido non hai nube que o pare e o ximnasio converteuse no noso mellor aliado para desfilar!

E como broche de ouro, puidemos rematar a xornada todos xuntos cantando e bailando “Eu quero entroidar” ao ritmo de Sony e Selena. Voces a todo pulmón, mans no aire e unha enerxía que contaxiaba alegría por todos os recunchos!

Pero aínda quedaba unha sorpresa final… Rematamos a xornada merendando xuntos nas aulas, compartindo risas, conversas e esa felicidade que só o Entroido sabe crear.

E o broche definitivo púxoo o delicioso chocolate preparado pola ANPA para todo o alumnado. Quentiño, saboroso e feito con moito agarimo… foi o complemento perfecto para un día tan especial.

Queremos agradecer de corazón á ANPA a súa implicación constante, o seu traballo e este detalle tan estupendo que fixo que o noso Entroido fose, se cabe, aínda máis doce. 💛

O noso Entroido non é só un disfraz. É cultura, identidade e comunidade.

🎭 Eu quero Entroidar… e ti?

🎭📚 O Entroido chega á biblioteca! 📚🎭

Xa está aquí o Entroido, unha das festas máis queridas e auténticas da nosa tradición! Na biblioteca non podiamos quedar atrás e traémosvos novidades e recomendación lectoras para mergullarnos nesta celebración chea de cor, historia e diversión.

Se queres descubrir quen son os cigarróns, por que corren as pantallas ou que papel teñen os peliqueiros, atoparás libros informativos e ilustrados que explican a orixe e os segredos do Entroido. Unha viaxe fascinante polas máscaras máis emblemáticas de Galicia!

Contos cheos de humor, disfraces tolos, mecos travesos e celebracións inesquecibles… Historias ideais para traballar na aula ou en familia, coñecer vocabulario propio do Entroido e comprender o significado desta festa tan especial.

Tamén atoparedes libros con propostas de actividades: como facer máscaras tradicionais, receitas típicas ou xogos populares. Porque o Entroido non só se le… vese, cóntase, cómese e vívese!

Estas lecturas agárdante na biblioteca! 🎉

ENTROIDO

 Este ano na Escardia tivemos un Entroido ESPACIAL!

Todos os nenos e nenas do cole disfrazámonos de alieníxenas cada un dun planeta.












Ademais, realizamos nas materias de plástica e matemáticas os obradoiros de creación de disfraces, empregando para iso materiais reciclados, así de ben nos quedaron: 






Ao rematar o desfile xuntas e xuntos cantamos a canción: ESCARDIA ESPACIAL!!


E como non, seguindo a tradición galega, contamos co enterro da sardiña realizado polo alumnado de 1ºde primaria.




ENTROIDO VIARIO

Chega o Entroido! E este curso, traemos unha morea de disfraces relacionados coa seguridade vial.

Adiante MOVEMENTO ESCARDIA!