Os corredores do cole convértense nun pequeno espazo de reflexión e aprendizaxe grazas á exposición “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, unha iniciativa que nos achega a un tema tan importante como pouco visibilizado: o papel das mulleres no ámbito mariño.
A mostra forma parte dun proxecto promovido pola Deputación en colaboración coa Universidade de Vigo, e non só se queda en paneis informativos, senón que vai moito máis alá.
Leváronse a cabo algúns obradoiros, impartidos pola profesora da UVigo Tamara Amorín, que comezaron cunha charla na que, a través da mirada dunha nena, se explicou o problema da contaminación no mar, facendo reflexionar ao alumnado dun xeito próximo e doado de entender.
O alumnado descubriu o percorrido que seguen alimentos tan cotiáns como o atún en lata, coñecendo todo o proceso desde o mar ata que chega ás nosas casas; e púxose en valor o papel das mulleres neste sector, onde son maioría, pero moitas veces con traballos pouco visibles.
Para rematar, puxeron en práctica o aprendido cunha actividade de separación de residuos, demostrando que pequenos xestos poden facer unha gran diferenza.
Durante a xornada recibimos a visita da deputada de Igualdade, que compartiu tempo co profesorado e co alumnado, interesándose pola actividade e apoiando iniciativas que, como esta, constrúen unha sociedade máis xusta e consciente.
Este tipo de propostas deixan pegada. Non só polo que se aprende, senón polas sementes que se plantan: curiosidade, respecto polo medio e unha mirada máis ampla sobre o papel das mulleres no noso día a día.
No hay comentarios:
Publicar un comentario