Este curso, para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, puxémonos mans á obra cun reto moi especial.
Cada aula recibiu unha misión: crear unha parte dun gran mural colectivo. O máis divertido foi que ninguén sabía o que estaban a facer as demais clases nin como sería o resultado final. Había moita intriga! Sería un debuxo? Unha mensaxe? Un collage?
Pouco a pouco fomos xuntando todas as pezas, coma se se tratase dun enorme crebacabezas. E cando por fin o montamos... sorpresa! Entre todas e todos crearamos un mural precioso. Unha mostra de que, aínda que cada persoa achegue unha pequena parte, cando traballamos en equipo conseguimos cousas marabillosas.
Pero a actividade non rematou aí. Como bos cociñeiros e cociñeiras do Bo Trato, cada aula elaborou a súa propia receita. E que ingredientes descubrimos que son imprescindibles? Unha cunca chea de respecto, dúas culleradas de empatía, un bo chisco de igualdade, moita escoita, varias pingas de amizade e unha morea de ganas de axudar aos demais. Mesturámolo todo con cariño e... xa temos a receita perfecta para convivir mellor!
Ao longo da actividade tamén reflexionamos sobre algo moi importante: construír un cole libre de violencia machista é unha tarefa de todos os días. Facémolo cando respectamos aos demais, cando coidamos as nosas palabras, cando axudamos a quen o necesita e cando aprendemos a convivir en igualdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario