Unha xornada para aprender e medrar xuntos

Con motivo do 21 de marzo, Día Mundial da Síndrome de Down, no colexio tivemos a oportunidade de vivir unha xornada moi especial da man da Asociación Down Pontevedra "Xuntos". Non quixemos deixar pasar unha data tan significativa sen participar nunha experiencia chea de aprendizaxe, sensibilización e emoción.

Ao longo da xornada, o alumnado participou en diferentes actividades de concienciación e sensibilización arredor da síndrome de Down, achegándose a esta realidade dun xeito próximo, respectuoso, divertido e moi enriquecedor.

Foi unha ocasión moi valiosa para comprender mellor que todas as persoas somos diferentes, únicas e importantes, e para seguir traballando valores fundamentais como a igualdade, a empatía, o respecto e a inclusión. A través de cada actividade, fomos aprendendo que a diversidade nos enriquece e que convivir desde o respecto nos fai medrar como persoas e como comunidade.

Queremos agradecer de corazón a Rebeca, Beli, Ramón e Pedro por compartir connosco esta xornada tan fermosa, pola súa cercanía, polo seu entusiasmo e por axudarnos a aprender dun xeito tan especial.

Sen dúbida, foi unha experiencia para lembrar e unha oportunidade marabillosa para seguir construíndo entre todos e todas un entorno máis humano, xusto e inclusivo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario