Un último día de curso para lembrar!

Chegou o derradeiro día de curso e, como non podía ser doutro xeito, quixemos celebralo por todo o alto. E vaia se o fixemos!

A xornada comezou cunha serie de xogos celtas nos que o alumnado participou de xeito apadriñado. Madriñas, padriños, afilladas e afillados compartiron risas, carreiras, estratexias imposibles e algunha que outra negociación digna dos mellores tratados internacionais.

 

Despois de tanto movemento chegou o momento de poñer a proba o oído musical co noso xa famoso “Galibingo”. Por equipos, o alumnado tiña que identificar cancións en galego para completar os seus cartóns. Houbo momentos de auténtica tensión, xogadores que aseguraban coñecer a canción desde os dous primeiros acordes e outros que cantaban con tanta emoción que xa non sabiamos se estaban xogando ao bingo ou preparando unha actuación para o próximo festival. O que si podemos confirmar é que, nalgún recuncho do patio, escoitouse algún sonoro e triunfal: "BINGO!".

Como toda gran celebración merece unha boa merenda, xuntámonos no patio para repoñer forzas. O menú non defraudou: un delicioso boliño preñado.

E chegou entón o momento máis especial da xornada: a graduación do alumnado de 6º de Primaria. Os maiores, que durante tantos anos encheron os corredores de aprendizaxes, aventuras e anécdotas, prepararon unhas actuacións fantásticas que nos fixeron rir e emocionarnos.

Queremos desexarlles toda a sorte do mundo na nova etapa. Estamos segur@s de que seguirán brillando alá onde vaian.

Rematamos así un día inesquecible: con xogos, música, comida, risas, emocións e algunha bágoa discreta.

Un peche perfecto para un curso cheo de momentos especiais.

Bo verán, berberech@s!

No hay comentarios:

Publicar un comentario