Ao longo deste curso, o alumnado
de 4º embarcouse nunha apaixonante aventura de investigación para descubrir
todos os segredos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de
Galicia.
Durante meses convertéronse en
auténticos investigadores e investigadoras, explorando as características de
cada unha das illas, descubrindo os animais que as habitan, coñecendo
curiosidades sorprendentes, localizando os seus lugares máis emblemáticos e recompilando
moita información interesante sobre este espazo natural tan especial.
Todo este traballo de
investigación serviu de base para a realización dun proxecto final
espectacular: a creación, en pequenos grupos, de marabillosas maquetas das
diferentes illas. Cada equipo esforzouse ao máximo para representar cada
recuncho co maior realismo posible, coidando cada detalle e demostrando unha
gran creatividade.
As maquetas están acompañadas dun
completo labbook, no que recolleron toda a información investigada ao
longo do curso: a localización de cada illa, datos relevantes, lugares de
interese, características destacadas e moitos outros aspectos que permiten
coñecer mellor este tesouro natural galego.
Pero, sen dúbida, o máis
importante deste proxecto non foi só o resultado final. O verdadeiro éxito
estivo no proceso: aprender a traballar en equipo, escoitar as ideas dos
compañeiros e compañeiras, poñerse de acordo, chegar a consensos, repartir
tarefas e colaborar para conseguir un obxectivo común. E nisto tamén
demostraron facer un traballo extraordinario.
Parabéns polo gran traballo realizado!
No hay comentarios:
Publicar un comentario