🌰 O noso Magosto: tradición, xogos e momentos compartidos! 🍂

O mal tempo non conseguiu estragar a celebración do noso esperado Magosto! Aínda que a chuvia nos impediu gozar do patio, adaptamos a xornada e trasladamos a diversión aos soportais, ao ximnasio e aos corredores do cole.

Durante a mañá, o alumnado participou en 8 estacións de xogos tradicionais apadriñados, nas que cada afillado e afillada compartiu xogos e risas co seu padriño ou madriña. 

Unha oportunidade estupenda para convivir, colaborar e desfrutar xuntos dunha xornada diferente.

E, como non podía ser doutro xeito, o Magosto tiña que rematar cunha boa degustación de castañas asadas! Nesta ocasión, compartímolas todos xuntos nas aulas, gozando deste sabor tan propio do outono.

Queremos agradecer especialmente á Panadería Lourido, que se encargou de asar as castañas, e ao ANPA, que as levou ata a panadería e despois nolas trouxo xa asadiñas para poder desfrutalas. Moitas grazas a ambas pola vosa colaboración, disposición e implicación!

Porque o Magosto é moito máis ca comer castañas. É compartir, manter vivas as tradicións e crear recordos inesquecibles.

Aínda que chova, no noso cole a festa continúa!

No hay comentarios:

Publicar un comentario