O alumnado de 1º e 2º de Primaria volveu visitar a encantadora aldea de Guillán, onde os/as agardaba o sabio avó Martín, disposto a amosarlles un dos tesouros do seu horto: o millo!
Nada máis chegar, contoulles como se planta o millo, que coidados precisa e como se recollen as mazarocas cando chega o momento.
Todos e todas puideron ver de preto as espigas, debullalas coas mans e descubrir como se moe o gran ata conseguir fariña.
Martín tamén lles explicou unha cousa moi curiosa: a diferenza entre a fariña e o picón, esa parte máis groseira que serve para alimentar aos animais. Aprenderon un montón!
E por se fose pouco, tiveron a oportunidade de empregar a peneira, separando a fariña máis fina.
Para rematar a xornada, o avó Martín tiña preparada unha doce sorpresa: os kiwis do seu horto! Entre risas e ilusión, os nenos e nenas recolléronos e incluso levaron un para a casa.
Foi unha mañá chea de aprendizaxes, natureza e moita diversión. Grazas, por compartir connosco a túa sabedoría e facernos pasar un día tan especial!
No hay comentarios:
Publicar un comentario