"O Maíño maio..."

Un ano máis, o noso cole encheuse de cor, tradición e ilusión coa celebración dos Maios, unha das festas máis fermosas e significativas da nosa cultura galega, pero tamén do centro.

Ao longo da xornada, todo o alumnado, desde os máis pequenos e pequenas ata os/as maiores, participou con entusiasmo na elaboración dos maios, compartindo tempo, creatividade e convivencia nun día moi especial. Con materiais naturais como: pétalos, flores, pampullos, bugallos, ovos, laranxas... fomos dando forma sobre bases de xesta e fiúncho, tal e como marca a tradición.

Esta celebración, profundamente arraigada en Galicia, simboliza a chegada da primavera, o renacer da natureza e o tempo das flores, e acompáñase tradicionalmente de coplas e cantigas arredor dos maios, mantendo vivo o costume ancestral do noso patrimonio cultural.

Este ano, ademais, a actividade cobra un significado especial ao estar directamente vinculada co noso proxecto de centro “En galego!”, reforzando o valor da lingua, da cultura e das tradicións propias como sinais da nosa identidade.

Entre as creacións destacou tamén o maio artístico elaborado polo alumnado de primeiro ciclo: unha fermosa pandeireta cos seus dous bailadores, homenaxe ao folclore galego e á importancia da música e da danza tradicional.

E ao final do día, como cada ano, chegou o momento máis esperado da xornada: a presentación dos maios diante de todo o cole.

Co patio cheo de emoción, compartimos as nosas creacións e cantamos xuntos as coplas. Os máis cativos e cativas interpretaron o maio tradicional, mentres que o alumnado maior puxo voz ao maio satírico deste ano, creado a partir de temas de actualidade, situacións do cole e moito enxeño.

Un día para crear, convivir, aprender e celebrar.


Vivan os Maios! 

No hay comentarios:

Publicar un comentario