Festival Escolar das Letras Galegas 2026

Con motivo da celebración das Letras Galegas, o alumnado de 2º e 4º de Educación Primaria participou no Festival Escolar das Letras Galegas 2026, celebrado no Auditorio, xunto a outros centros da localidade.

Agasallaron aos espectadores e espectadoras con dúas representacións moi especiais relacionadas coa cultura galega e plenamente integradas dentro do noso proxecto de centro "En galego!".

O alumnado de 2º de Primaria sorprendeu ao público cunha emotiva dramatización centrada no mundo das palabras: "Os contadores das palabras perdidas". A través da interpretación, da expresión corporal e dunha posta en escena chea de sensibilidade, conseguiron transmitir a importancia da lingua, da comunicación e das emocións que agochan as palabras. Foi unha actuación moi agarimosa e coidada.

Pola súa banda, o alumnado de 4º de Primaria fixo gozar a todos cun sketch titulado “E ti, de quen ves sendo?”, xogando arredor desa frase tan nosa e tan galega cun toque de humor, espontaneidade e moita naturalidade.

Ambas actuacións deixaron claro que o talento para a dramatización tamén forma parte das nosas aulas.

O alumnado puxo o mellor de si e demostrou grandes habilidades para interpretar, expresarse no escenario e facer chegar ao público tanto a emoción como o humor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario