Bo día, berberech@s!
Comezamos un novo "Reto lector" con desafíos mensuais.
Luces, cámara… comezamos! 🎥✨
Arrancamos o curso escolar por todo o alto cun novo proxecto que promete moitas emocións, aventuras e, sobre todo, moitas estrelas. 🌟
Este curso mergullámonos no fascinante mundo do cine co proxxecto de centro Un curso de película. Así, descubriremos que hai detrás das cámaras, coñeceremos os segredos dunha rodaxe, xogaremos cos diferentes papeis que fan posible unha película e… quen sabe? Quizais algún día nos toque dicir aquilo de “Luces, cámara… acción!”
E para ir entrando en materia, no cole xa temos preparado un recuncho de lectura moi cinematográfico, cheo de libros e recursos para investigar, descubrir máis sobre o mundo do cine e achegarnos tamén a algunhas das películas.
O escenario xa está preparado, as cámaras están a punto e as ganas… a tope!
3, 2, 1… acción!
Chegou o derradeiro día de curso e, como non podía ser doutro xeito,
quixemos celebralo por todo o alto. E vaia se o fixemos!
A xornada comezou cunha serie de xogos celtas nos que o alumnado participou
de xeito apadriñado. Madriñas, padriños, afilladas e afillados compartiron
risas, carreiras, estratexias imposibles e algunha que outra negociación digna
dos mellores tratados internacionais.
Despois de tanto movemento chegou o momento de poñer a proba o oído musical
co noso xa famoso “Galibingo”. Por equipos, o alumnado tiña que
identificar cancións en galego para completar os seus cartóns. Houbo momentos
de auténtica tensión, xogadores que aseguraban coñecer a canción desde os dous
primeiros acordes e outros que cantaban con tanta emoción que xa non sabiamos
se estaban xogando ao bingo ou preparando unha actuación para o próximo
festival. O que si podemos confirmar é que, nalgún recuncho do patio,
escoitouse algún sonoro e triunfal: "BINGO!".
Como toda gran celebración merece unha boa merenda, xuntámonos no patio
para repoñer forzas. O menú non defraudou: un delicioso boliño preñado.
E chegou entón o momento máis especial da xornada: a graduación do alumnado
de 6º de Primaria. Os maiores, que durante tantos anos encheron os corredores
de aprendizaxes, aventuras e anécdotas, prepararon unhas actuacións fantásticas
que nos fixeron rir e emocionarnos.
Queremos desexarlles toda a sorte do mundo na nova etapa. Estamos segur@s
de que seguirán brillando alá onde vaian.
Rematamos así un día inesquecible: con xogos, música, comida, risas,
emocións e algunha bágoa discreta.
Un peche perfecto para un curso cheo de momentos especiais.
Bo verán, berberech@s!
Despedimos outro curso xunto aos nosos axudantes de biblioteca e a todos os berberechos e berberechas que conseguiron completar o reto lector deste curso.
Como recoñecemento ao seu traballo, esforzo e compromiso coa lectura, os axudantes elaboraron estas fantásticas bolsas e o equipo da biblioteca deseñou e creou, coa cortadora láser, estes chulísimos lapis e marcapáxinas personalizados da nosa biblioteca.
Alumnado que superou o Reto lector:
Hai linguas que se falan... e hai linguas das que se presume!
Dentro do proxecto "Estamos orgullos@s de ser galeg@s por..." dentro da área de Proxecto competencial, o alumnado de 3º e 4º puxo toda a súa creatividade a traballar para facer algo moi especial: crear vídeos para presumir da nosa lingua.
Porque... como non presumir dunha lingua que ten palabras tan fermosas como morriña, agarimo, xeito, riquiño ou luscofusco?
Entre cámaras, ideas, risas e moitas ganas, os nosos rapaces e rapazas prepararon distintos vídeos nos que nos lembran por que o galego é un tesouro que debemos coidar, falar e compartir.
Rematamos o curso da mellor maneira coa visita de todo
o alumnado de Primaria á fermosa Illa de Ons!
A viaxe comezou no centro, desde onde nos desprazamos
ata Portonovo para coller o barco que nos levaría á illa. Xa durante a travesía
tivemos unha gran sorpresa: puidemos observar varias arroaces nadando preto da
embarcación.
Unha vez na Illa de Ons, descubrimos moitas
curiosidades sobre este espazo natural tan especial. Acompañados por guías
especializados, que foron moi atentos, simpáticos e amables en todo momento,
realizamos distintas rutas de sendeirismo polas que coñecemos a historia, a
paisaxe e a riqueza natural da illa. Durante os percorridos observamos
diferentes especies de aves, entre elas cormoráns, e tamén aprendemos a
recoñecer algunhas das plantas máis características deste entorno único.
Despois de tanto camiñar e aprender, chegou o momento
de repoñer forzas cun merecido xantar ao aire libre. Compartimos mesa,
conversas, xogos e moitos momentos divertidos.
E para poñer o broche de ouro ao día, rematamos cun refrescante
baño na Praia da Dorna, onde todos puidemos desfrutar do mar e do sol. As
risas, os xogos na area e a
Ao longo deste curso, o alumnado
de 4º embarcouse nunha apaixonante aventura de investigación para descubrir
todos os segredos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de
Galicia.
Durante meses convertéronse en
auténticos investigadores e investigadoras, explorando as características de
cada unha das illas, descubrindo os animais que as habitan, coñecendo
curiosidades sorprendentes, localizando os seus lugares máis emblemáticos e recompilando
moita información interesante sobre este espazo natural tan especial.
Todo este traballo de
investigación serviu de base para a realización dun proxecto final
espectacular: a creación, en pequenos grupos, de marabillosas maquetas das
diferentes illas. Cada equipo esforzouse ao máximo para representar cada
recuncho co maior realismo posible, coidando cada detalle e demostrando unha
gran creatividade.
As maquetas están acompañadas dun
completo labbook, no que recolleron toda a información investigada ao
longo do curso: a localización de cada illa, datos relevantes, lugares de
interese, características destacadas e moitos outros aspectos que permiten
coñecer mellor este tesouro natural galego.
Pero, sen dúbida, o máis
importante deste proxecto non foi só o resultado final. O verdadeiro éxito
estivo no proceso: aprender a traballar en equipo, escoitar as ideas dos
compañeiros e compañeiras, poñerse de acordo, chegar a consensos, repartir
tarefas e colaborar para conseguir un obxectivo común. E nisto tamén
demostraron facer un traballo extraordinario.
Parabéns polo gran traballo realizado!
Chega o final doutro curso e dende Bibliosaleta queremos seguir medrando e mellorando cada vez máis, por iso, pedimos a vosa colaboración para cubrir as seguintes enquisas e avaliar a nosa biblioteca e as súas actividades. Clicade no enlace para acceder á enquisa.
📊 Enquisa para o alumnado 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de primaria: https://forms.gle/HUvKDbwwcFAZkwC66
📊Enquisa para o alumnado de infantil e 1º de primaria: https://forms.gle/3c2CHezeDGqYJYqcA
Agora é o voso turno, familias! O alumnado cubrirá as súas enquisas dende as aulas, pero tamén é importante saber a vosa opinión.
O alumnado de 4º de Primaria viviu unha xornada moi especial coa súa visita á Escola de Educación Infantil A Galiña Azul de Vilaxoán.
Os
nenos e nenas prepararon con moitísimo agarimo e ilusión diferentes lecturas
para compartir cos máis pequenos, converténdose por un día en grandes
contadores de historias.
Foi unha experiencia moi bonita e enriquecedora, que deu lugar á creación dun espazo de encontro e convivencia.
Sen
dúbida, foi unha actividade emotiva, divertida e moi motivadora para todos e
todas, que nos lembra a importancia de crear redes e compartir experiencias.
Grazas a todas as persoas que fixeron posible esta xornada tan chula e especial!
Agardamos volver!